| |
|

Biblos lanza
unha antoloxía de máis de catrocentas páxinas que resume décadas de estudo
de Félix Villares sobre a escola literaria do Seminario de Mondoñedo
Desde Antón María de Castro e Neira (1771-1826) ata os máis novos –Camilo
Valdehorras e Xosé María Artiaga Díaz–, pasando por nomes tan importantes
como Nicomedes Pastor Díaz, Noriega Varela, Aquilino Iglesia Alvariño,
Crecente Vega e Díaz Castro, máis de medio cento de poetas formados na
chamada Escola poética do Real Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo ou
Escola Literaria Diocesana aparecen no traballo de investigación levado a
cabo ao longo de varias décadas por Félix Villares Mouteira que agora
Biblos dá á luz. Un río de poesía que comeza cos Cantores do Nadal e que
chega practicamente ata os nosos días. E unha investigación desde a
perspectiva dun estudoso que soubo ver con especial lucidez o sentido
último desa poesía impagable, dotada duns rasgos comúns a todos os seus
autores que son os que permiten falar de escola literaria –de gran escola
literaria– no máis amplo dos sentidos do termo. Precisamente estos son
aspectos que pon de relevo Ramón Loureiro, prologuista da obra.
Uns versos de Iglesia Alvariño dan título á antoloxía de máis de
setecentas páxinas na que aparecen tan só os poetas que se expresaron en
lingua galega (a prosa e a expresión en castelán quedan fóra do seu
obxecto de estudo), presentando os textos escolmados precedidos dunhas
notas biográficas de cada autor.
Como salienta Félix Villares na soleira do libro, a investigación non foi
moitas veces doada porque “moitos destes poetas só publicaron as súas
poesías en xornais locais de Mondoñedo, Vilalba, Viveiro, Ortigueira,
etcétera, aos que moitas veces non é doado chegar porque ou ben non se
conservan exemplares ou porque os que os teñen non permiten traballar con
eles”.
A Escola Literaria Diocesana ten como alicerce os poetas formados no
Seminario, aínda que pertencen a ela outras figuras da nosa lírica coma
Cunqueiro ou Díaz Jácome, nos que tamén influiron de forma decisiva os
seus profesores e as tertulias mantidas cos seminaristas na barbería do
Pallarego.
Félix Villares Mouteira
(San Martiño de Belesar (Vilalba-Lugo), 1947)
Licenciado en Teoloxía na Universidade Pontifica de Salamanca en 1971 e
ordenado sacerdote o 28-07-1971 na súa parroquia natal, desde setembro
dese ano é tamén formador e profesor no Seminario Santa Catalina de
Mondoñedo. De 1988 ata 1999 foi reitor e administrador do devandito
Seminario, e desde entón deica o pasado ano, vigairo xeral da Diocese de
Mondoñedo-Ferrol. Na actualidade é chanceler secretario xeral do Bispado,
delegado de Patrimonio e profesor do Seminario de Santa Catarina de
Mondoñedo. En abril de 1982 fundou a revista Amencer no propio centro.
Publicacións: Os poetas do Seminario de Mondoñedo, Deputación Provincial
de Lugo (1997) con limiar de Xesús Alonso Montero; Xosé Crecente Vega.
Vida e obra, Noia (2001), e San Martiño de Belesar: memoria e futuro,
Santiago (2005). Participou en diversos volumes colectivos e coordinou a
edición de A carón de lume, Lugo (1999). Ten colaborado en medios galegos
como La Voz de Galicia, El Progreso, Encrucillada, A Croa. Foi
correspondente en Mondoñedo de El Ideal Gallego, Cope e a Axencia
EFE.
Un tesouro feito de versos
Ramón Loureiro
A agardada publicación da antoloxía da Escola Literaria de Diocese de
Mondoñedo-Ferrol, dese tesouro feito de versos que tiveron o seu
primixenio alento no seminario mindoniense, vén supoñer a culminación de
longas décadas de traballo de quen a día de hoxe é, sen dúbida, o mellor
coñecedor dun patrimonio de imprescindible estudo para o maior coñecemento
das letras de Galicia. Falo, naturalmente, de Félix Villares Mouteira,
coengo desa catedral á que todos os días mira Cunqueiro –alí disfrazado, o
tan querido don Álvaro, de estatua de bronce–, chanceler da curia diocesá
e cofundador de publicacións como Amencer, unha das mellores revistas
escolares do país. O inxente traballo de Félix Villares, que agora ve a
luz da man de Biblos, poñerá ao alcance de todos os lectores un río de
poesía que comeza cos Cantores do Nadal e que chega practicamente ata os
nosos días. E faino, ademais, desde a perspectiva dun estudoso que soubo
ver con especial lucidez o sentido último desa poesía impagable, dotada
duns rasgos comúns a todos os seus autores que son os que permiten falar
de escola literaria –de gran escola literaria, certamente...– no máis
amplo dos sentidos do termo. A min –e xa saberán vostedes desculpar este
pecado de falar en primeira persoa– emocióname ver este libro feito. Para
moitos de nós, como lectores devotos da mellor escritura, os poetas que
nel aparecen (Noriega Varela, Aquilino Iglesia Alvariño, Crecente Vega,
Díaz Castro...) foron, desde nenos, unha luz e un camiño. Un camiño
iluminado para sempre.
Noticia recogida
de la página web:
http://www.biblosclube.com/
|