Mons. Fernando García Cadiñanos, biografía

Fernando García Cadiñanos naceu en Burgos o 7 de maio de 1968. É o menor dunha familia obreira e numerosa. Estudou EXB no Colexio do Círculo Católico, de onde pasou ao Seminario Menor para finalizar o ensino obrigatorio e o bacharelato; despois ao Seminario Maior, estudando Teoloxía na Facultade de Teoloxía do Norte de España na súa sede de Burgos, onde obtivo o bacharel en Teoloxía e, posteriormente, a licenciatura en Teoloxía Dogmática.

Foi ordenado presbítero o 26 de xuño de 1993 na igrexa do Carme de Burgos. En 1997 foi enviado a Roma, onde obtén a licenciatura en Ciencias Sociais-Especialidade Doutrina e Ética Sociais pola Universidade Gregoriana de Roma (ano 2000).

Como profesor na Facultade de Teoloxía do Norte de España na súa sede de Burgos impartiu o curso de Teoloxía Moral Social. Igualmente foi director da aula de Doutrina Social da Igrexa da devandita facultade. Participou en numerosas conferencias, congresos e cursos de formación ao redor de Cáritas, a Doutrina Social da Igrexa, a caridade, en pensamento do papa Francisco… Publicou varios artigos sobre estes temas en diferentes dicionarios e revistas especializadas.

A súa actividade pastoral comezou na parroquia de Santa Catalina de Aranda de Duero, onde foi vicario parroquial de 1993 a 1997. Nesa mesma época compaxinou o cargo de delegado diocesano de Pastoral Obreira (1995-1997). Tras o seu paso por Roma (1997-2000) foi nomeado párroco de Solarana e outras nove parroquias, así como secretario do departamento de Formación Sociopolítica, cargo que ostentou ata o ano 2010. Desde o ano 2004 atendeu, ademais, a parroquia de Villalmanzo, da que foi párroco ata o ano 2014. Desde o ano 2005 a 2014 foi arcipreste do Arlanza e nesta época foi secretario do Consello Presbiteral.

En 2014 foi nomeado párroco da parroquia da Nosa Señora das Neves na cidade de Burgos (2014-2016). Un ano despois recibe o nomeamento de delegado diocesano de Cáritas. Desde o ano 2016 foi tamén vicario xeneral da diocese de Burgos e moderador da curia.

O 1 de xullo de 2021 foi nomeado bispo de Mondoñedo-Ferrol.

A súa ordenación episcopal e toma de posesión como bispo diocesano tivo lugar o 4 de setembro de 2021 na Santa Igrexa Catedral Basílica de Mondoñedo.

En novembro de 2021 foi nomeado bispo responsable da Pastoral Penal, departamento da subcomisión episcopal de Acción Caritativa e Social da Conferencia Episcopal Española, responsabilidade que exerceu ata o mes de marzo de 2024, tras o seu nomeamento como bispo presidente da subcomisión episcopal para as Migracións e Mobilidade Humana.

Email: bispo@mondonedoferrol.org
Secretario: secretario.obispo@mondonedoferrol.org