Crónica dunha variopinta xuntanza

O mércores dez de maio tocoume participar nunha xuntanza en Mondoñedo moi variada en canto a dedicacións dos asistentes. Éramos por uns 60, a maioría xa entrados en anos, moitos pensionistas, pero poucos retirados, e no referente a dedicacións, xa dixen, moi variadas as temporais ou parciais, e incluso entre as permanentes había tamén diferenzas notables. Estabamos: todo homes, arquitectos, delineantes, enxeñeiros de camiños ou máis ben de pistas, pintores de bocha gorda e de pincel, decoradores, restauradores, cociñeiros, escritores, algún poeta, músicos, xestores, animadores culturais, directores de teatro, prestamistas, conselleiros…; moitos curas, algún sacerdote non cura, quérese dicir: sen cargo de parroquias, e ata un bispo.

Algúns dos asistentes a este encontro anual no vello Seminario celebraban vodas de diamante, (sesenta anos), 4; 5 de ouro e 3 de prata. O das vodas non é que ó ser todos homes casasen entre eles. Non, eran as vodas sacerdotais en base ó ano de ordenación e que se sitúe esta efeméride  o do día 10 de maio débese a que ese día celebra a Igrexa a festividade de San Xoán de Ávila, patrón do clero secular.

Seguramente algúns non saiban que ós clérigos divídesenos en seculares e regulares. Eu ata hai uns anos tamén pensaba que o clero secular seria peor có regular, pero non vai por aí a cousa. Forman o clero regular aqueles que pertencen a algunha orde relixiosa que ten a súa regra de vida e comportamento, (en latín regula). Algúns destes agora tamén andan por entre os demais, pero antes só vivían e conventos e mosteiros, coma se dixésemos: fóra do mundanal ruído. Ó clero secular pertencemos todos os outros. Secular tamén vén do latín saeculum, que significa mundo, e, en consecuencia vivimos nel, entre o pobo e non en conventos. Vedes? Saber latín ata vale para darse conta de que regular non é o que está ente o bon e o malo, ou sexa: no centro.

Non faltará quen pense que estou tratando o tema moi á lixeira, con moito humor. Un momento, un momento. Humor non é sinónimo de lixeireza, nin de falta de seriedade. Xa se di que o humor é unha cousa moi seria, o que pasa é que hai moita xente que xa nin se atreve a sorrir por medo a que lle poñan outro imposto ou lle saia a pagar na declaración da renda. E mira por onde, vistos de fronte todos aqueles curas, puiden observar, tamén en contra do que se di, que é un dos colectivos de rostros máis distendidos, de sorriso e ata gargallada fáciles e incluso de luminosidade na vista cansada.

Cada un dos homenaxeados recibiu felicitacións, aplausos e un agasallo dos compañeiros e tivo oportunidade de dicir algo. Podía esperarse que nas alocucións, que xa cada un levaba máis ou menos preparada, sobresaísen o desencanto, a amargura, a queixa ou a frustración por sobrecarga ou pola análise de como vai o mundo, bastante distanciado do ideal que propuxemos e propoñemos; pero non, nin iso. Por insensatez, por sermos un colectivo de  ilusos, ou por falta de sinceridade?  Eu diría que máis ben por talante e pola análise dunha serie de valores analizables presentes na sociedade que son froito tamén da nosa sementeira; pero máis aló do analizable e relativamente medible e pesable, confiamos no Espírito e na dimensión espiritual da persoa, realidades non cuantificables, pero si, experimentables, ou se se prefire, experienciais.

Non faltou gratitude a Deus e ós demais, nin relativización da tarefa feita, nin humildosa petición de perdón por posibles erros, nin parabéns polo realizado por outros, nin sosegadas afirmacións de que se fose hoxe volvería a collerse o mesmo camiño, nin algunha voz temblorosa, nin algunha bágoa escorridía.

O que faltaron foron coches de alta gama no aparcadoiro, e pensei para min: Estes en coches non gastan, pero ben seguro que gastan en roupa. Hoxe é bo día para sabelo, porque han traer a mellor que teñan para celebrar o patrón. E atopeime con que un dos mellor vestidos era eu, que levaba un traxe duns 130 euros. Xa de volta viña pensando: pero como se amañarán para disimular que viven coma curas? Ou será que os curas xa non viven coma curas?

O bispo, don Luís Ángel, que leva un ano na diocese, e está aprendendo a ser bispo, porque cos bispos non pasa coma cos ministros, que se deitan cursando primeiro de  dereito e espertan ministro de xustiza feito e dereito, tamén se mostrou agradecido a sacerdotes, ordes relixiosas e leigos, gratificado, esperanzado e ilusionado. Puidemos comprobar que con este ano que leva de aprendizaxe, nin se subiu ó pedestal, nin perdeu o seu estilo de falar directo, claro e próximo.

Non pretendo que todos os lectores e lectoras teñades que dar por boa esta crónica; pero só aceptarei que me contradiga quen estivese alí e poida demostrar serenamente que non digo verdade. Con tópicos non discuto nin perdo tempo. E no referente ás “dedicacións” temporais de que falo ó comezo, que veñan por aquí e imos facer un traballo de campo ou pisar mundo e comprobar in situ.

 

«Xa de volta viña pensando: pero como se amañarán para disimular que viven coma curas? Ou será que os curas xa non viven coma curas?»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas